XOSÉ VIZOSO, A LENDA RESPONSABLE DO CARTEL DO CENTENARIO

O RC CELTA PRESENTA O SEU CENTENARIO NUN EMOTIVO ACTO PROTAGONIZADO POLO CELTISMO
21 Novembro 2022

O RC Celta está a piques de comezar un momento único que será lembrado ao longo da historia do Club: o seu centenario. Por iso, e tras un longo percorrido gráfico, nace unha nova imaxe específica para esta celebración. Pero, como non podía ser doutro xeito, esta nova imaxe tamén ven cargada de historia para sumarse aos 100 anos de vida do equipo.

Como podemos crear algo á altura das circunstancias? Que artista pode representar a tradición e o corazón galego? os nosos valores? Estas preguntas tiñan unha resposta que destacaba sobre o resto: Xosé Vizoso.

Este artista non só representa Galicia á perfección, senón que creou un estilo e marca propia de Galicia que se meteu na casa da maior parte dos galegos, e é parte da nosa historia, tradición, e identidade. Unha persoa que revolucionou a historia gráfica de Galicia sendo, por máis de 40 anos, deseñador e alma de Sargadelos, creador dos carteis máis emblemáticos das festas de Galicia, ilustrador de portadas de Edicións Ou Castro, muralista, etc.

Creador dun estilo e tipografía que evolucionou a ser parte do noso patrimonio cultural. Ninguén mellor que el podería representar a importancia deste Centenario.

 

 

Xosé Vizoso, un home, meticuloso, creativo e apaixonado da arte e da súa terra, deu paso a un cartel que quedará impregnado na lenda do Club e no recordo deste momento histórico. Pero isto non quedou ahí, senón que foi só a semente para unha das primeiras novidades do Centenario, a nova marca para este importante fito.

Unindo as mans de Vizoso e do deseñador gráfico vigués Javier Blasco, e baseados na tipografía tan característica do primeiro, símbolo no imaxinario colectivo de Galicia, levaron xuntos o proxecto de crear unha identidade propia para concentrar todo o particular á chegada do século ao club, e que axuntase a tradición e orgullo galego, sen deixar de ser unha imaxe actual e que puidese perdurar no tempo.

Extraendo a tipografía do cartel, creada de seu por Xosé Vizoso tomáronse tamén do logo actual do Celta as dúas Ces, engadindo a esta outro trazo que simbolizase o 100.

 

 

Non se trata dun redeseño de marca, senón dunha marca que convivirá coa xa existente, e que por si soa acompañará ao equipo, ao programa de actividades, á afección, e a todo o mundo durante este ano tan importante. Quedará reflectida entre os fitos históricos do Club, e dos corazóns de todos os que nos van a acompañar durante este período de celebracións e agarimo, levando ao celtismo por todo o máis alto.

This site is registered on wpml.org as a development site.